COMO UN DODO

COMO UN DODO (2002-2005)

Unha vez soñei cun paxaro enorme, dun metro de altura, gordo e de plumaxe azul-gris. Lembrábame algo a un pingüín e como eles non voaban. Había moitísimos nunha praia e a xente achegábaselles. Eran exageradamente confiados, tranquilos e cariñosos, non parecían deste mundo. Por esta razón temín un pouco por eles. Con todo a súa inocencia parecía protexelos, coma se a súa bondade fose unha sorte de forza e influencia cara ás persoas que se lle achegaban que non podían máis nada que acariñalos.

Estas aves xa desapareceron. Quedan descricións escritas, debuxos e pinturas. Tamén Dodos disecados, aínda que todos son agora aproximacións. Esculturas feitas de pedazos de si mesmo e de diferentes animais. Todos os Dodos disecados que existen son en gran medida invencións.

Dodo significa parvo, inocente. Eu tamén como un Dodo, noto e lembro partes separadas de min. E o baile da existencia, que ás veces parece xogar ao mesmo que a arte, anima a que reencontremos estas presenzas aparentemente separadas. Obsérvanse, ámanse, rexéitanse… Son o mesmo e non o son.

E vivo pero tamén constrúo aproximacións de vida, de Dodo, de min, no aire, deixando inventadas imaxes e momentos inasibles que rumorean que son certas, como eu. É vivir e sentirme vivir ao mesmo tempo.


VOLTAR A OBRA
Esta web utiliza cookies, podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas a navegar, estás a aceptar.